Creación de textos

Nesta sección preséntanse ferramentas baseadas en intelixencia artificial que permiten xerar textos de forma áxil, creativa e adaptada ao ámbito educativo. Estas aplicacións facilitan tarefas como a redacción de explicacións teóricas, esquemas, descricións ou contidos axustados ao nivel do alumnado, o que lle permite ao profesorado aforrar tempo e ofrecer materiais máis personalizados.

Son especialmente útiles para preparar clases, deseñar actividades escritas ou elaborar textos de lectura, aínda que tamén poden empregarse directamente co alumnado como apoio á escritura, á planificación textual ou ao desenvolvemento da autonomía. Algunhas, como ChatGPT, ofrecen liberdade total para crear calquera tipo de contido desde cero; outras, como MagicSchool ou Twee, funcionan como asistentes guiados, pensados especificamente para o contexto educativo.

Chatbots xeneralistas

Os chatbots xeralistas —como ChatGPT, Gemini, Copilot ou Deepseek—permiten ao profesorado xerar textos claros, coherentes e adaptados a distintos niveis con só indicar o tipo de texto, o tema, o destinatario e o ton. Pódese pedir, por exemplo, unha explicación teórica sobre un tema, un modelo de carta formal ou un texto narrativo simplificado para traballar na aula. Ademais, é posible axustar o número de palabras ou incluír léxico e estruturas gramaticais concretas.

Informational Text de Magic School

MagicSchool AI ofrece ao profesorado a posibilidade de crear textos educativos á medida a través da súa función “Informational Text”. Só é necesario especificar o tema, o nivel do alumnado e o tipo de texto que se quere xerar (narrativo, expositivo, argumentativo, etc.). A ferramenta encárgase de producir un texto axustado aos obxectivos pedagóxicos indicados.

Create a text on any topic with your vocabulary de Twee

A ferramenta “Create a Text on Any Topic with Your Vocabulary”, dispoñible en Twee, permítelle ao profesorado xerar textos orixinais a partir dun tema específico, adaptando o nivel lingüístico segundo os rangos do MCERL (A1–C2). Aínda que está pensada principalmente para a ensinanza de linguas estranxeiras, tamén pode aproveitarse noutros contextos educativos. Para obter un texto, abonda con indicar o tema, o vocabulario que se desexa incluír e o nivel de dificultade. O resultado é un contido útil tanto para traballar a comprensión lectora como para actividades de produción escrita.