Ditado e transcrición

As tecnoloxías de síntese de voz (TTS, text-to-speech) e de recoñecemento de voz (STT, speech-to-text) permiten transformar un texto escrito en audio e, á inversa, converter a voz en texto. Estas solucións impulsadas por intelixencia artificial teñen un amplo abano de usos educativos: ler en voz alta un contido para facilitar a súa comprensión, transcribir automaticamente o que di o alumnado ou o profesorado durante unha actividade oral, unha exposición ou unha clase gravada.

A súa aplicación favorece a accesibilidade, atende a diferentes estilos de aprendizaxe e impulsa a inclusión de estudantes con dificultades lectoras, visuais ou de escritura. Ademais, constitúen un apoio eficaz para traballar a pronunciación, a escoita activa e a corrección oral, tanto na ensinanza de linguas estranxeiras como en calquera outra materia na que interveñan a expresión oral e a comprensión auditiva.

Dictation IO (ditado)

Dictation.io é unha aplicación en liña que permite transcribir ao instante calquera discurso ou ditado directamente desde o navegador, sen necesidade de instalar software adicional. O funcionamento é moi sinxelo: fálase ao micrófono e a ferramenta transforma automaticamente a voz en texto. Isto convértea nun recurso moi útil para xerar materiais a partir de explicacións orais, tomar apuntamentos de maneira áxil ou axudar ao alumnado a practicar a súa expresión oral e comprobar o resultado por escrito. Ademais, admite varios idiomas e pode empregarse de forma completamente gratuíta.

TTS Maker (transcrición)

TTS Maker é unha ferramenta completamente gratuíta que lle permite ao profesorado transformar calquera texto nun ficheiro de audio empregando voces naturais e dispoñibles en varios idiomas. Trátase dunha ferramenta práctica para crear versións orais de lecturas, preparar exercicios de comprensión auditiva ou facilitar o acceso á información ao alumnado con dificultades lectoras.

O proceso é moi sinxelo: introdúcese o texto, selecciónase o idioma e a voz, e en poucos segundos descárgase o audio xerado. Non é a ferramenta de máis calidade, pero a cambio é totalmente gratuíta e ilimitada, e funciona en moitos idiomas. Para a maioría dos usos nun contexto educativo, é máis que suficiente.

Convert audio & video to text de Twee (transcrición)

A función Convert Audio & Video to Text de Twee ofrece ao profesorado a posibilidade de transcribir de maneira automática ficheiros de audio ou vídeo a texto, de forma rápida e sen complicacións. O uso é moi sinxelo: abonda con cargar o ficheiro ou pegar unha ligazón —como a dun vídeo de YouTube— e a ferramenta xera ao instante a transcrición completa.

Este recurso resulta especialmente valioso para preparar actividades de comprensión oral, adaptar materiais audiovisuais á aula ou garantir o acceso aos contidos ao alumnado con necesidades específicas.